05 June 2014

Estamos no verán!!

Recordo as lambonadas esas conxeladas de cando era cativo, de xogar con terra até moi tarde, cando a miña nai saía pola ventana berrando que era hora de recoller, para darse unha ducha e durmir. Estabamos nos días máis longos do ano, o meu pixama era de pantalón curto e camisola e o cheiro dos pementos era de padrón.

E recordo saír ao balcón descalzo, co pelo pelo mollado e sentir as baldosas quentes do chan mentres o sol desaparecía por Monteferro.

Estamos no verán!!! é o libro que ven de publicar a editorial Galaxia dentro da súa colección Sonárbore + grandes, no que tiven o pracer de colaborar debuxando unha divertida historia escrita por Charo Pita e musicada por Xoán Curiel.


Traballei dende o valor obxectual dun diario dun neno cheo de momentos fotografiados/ilustrados e de apuntamentos divertidos que se me ocorrían sobre cousas que ía atopando ao longo do traballo. 

Dende logo, un proxecto pracenteiro para os que nos gusta debuxar para xuvenil e infantil. Así que, a bailar todo o verán, a sentarse a ver os solpores, a namorarse, a rir e a cantar: 

ESTAMOS NO VERÁN!!!